PAZOS DE MEREXO
Autor: Xurxo Souto Fonte: Blog personal LA OPINION DE A CORUÑA
O mestre do acordeón diatónico da Costa da Morte
O acordeón diatónico, pequecho e rabudo, está plantando lumes por medio planeta. Moitos seguimos os sons de Flaco Jiménez, natural de Texas, da irlandesa Sharon Shannon, ou do basco Kepa Junkera. Dedos rápidos que arrincan faíscas do instrumento para queimarlle os pés aos bailadores. Mais poucos saben que esta caixa de botóns ten tamén grandes mestres enxebres.
Pazos do lugar de Merexo, no concello de Muxía, leva serrando neste acordeón dende cativo. Merexo é moito Merexo, unha aldea ao pé do mar, entre Muxía e Camariñas, recollida no fondo da ría, acarón da fermosísima praia do Lago. Terra de solaz e agarimo en plena Costa da Morte. E sobre todo, de sempre, lugar de xente bailadora con auténtica fame de música.
“Cando era moi novo e ainda non sabía tocar, levaba o meu acordeón e alquilábao nos bailes que se facían nas palilladas”.
Esta fase pouco durou, Pazos dende moi rapaz comezou a facer majiñas cos dedos nos botóns. Había moito que traballar na terra, pero el non podía pasar sen a música. “Volvía cansadiño pola noite de rozar no balume e subía direcoto ao faiado a serrar no acordeón”. Axiña foron saíndo as jotas e as muiñeras, tamén as mazurcas, os tangos e os pasodobles. No cerne da enxebreza sempre está o toque cosmopolita.
O tópico di que Merexo é un lugar apartado. Nas primeiras décadas do século XX os homes cruzaron o mar e o lugar estivo moito máis perto de Cuba e Bos Aires que de Madrid. Da Arxentina viñeron os primeiros acordeóns cargados de muiñeiras.
O seu pai e o seu tío marcharon cara alá cando o rapaz tiña sete anos. O tío mercou un acordeón, mais estivo a piques de deixalo en Bos Aires, no barco non tiña moito sitio para a equipaxe. Entón reclamoullo o pai e tróuxollo de regalo ao fillo. Abofé que acertou. Aos 12 anos Pazos comezou a serrar no instrumento. Nun tempo sen tocadisco e case sen radios calquer repichoca que escoitase quedáballe na cabeciña e axiña rexurdía no seu acordeón.
Como aquela que di: Ai! Lourido, Surerantes, o gaiteiro remancado nas Quebrantas As Quebrantas son uns baixos no mar, perto de Merexo, “nelas embarrancou o barco de gas, quería fuxir da aviación e arrimouse moito á beira”. O lugar viviu caladamente episodios importantes da II Guerra Mundial. Este navío chamábase Nord Atlantic, era o barco encargado de abastecer de combustible aos submarinos alemáns que naquel tempo, foi no ano 43, dominaban as rutas de Fisterra.
Pazos, como case todos os seus veciños, viviu tamén intensamente a febre do wolfram. Os alemáns precisaban imperiosamente este metal para a fabricación do seu armamento bélico. Viñeron buscalo á Costa da Morte. Tamén apareceron compradores ingleses para evitar que chegase ás mans do enemigo. Houbo quen derrubou casas buscando o wolfram entre os muros. Aparecía en pequenos croios por todas partes ata no medio dos camiños. “Para coñecer se a pedra era boa”, di Pazos, “había que rascalo cun seixo, se o wolfram era verdadeiro aparecía unha mancha de color chocolate”.
Pazos, unha vida ben intensa abofé, case sen saír de Merexo. Este home é un talento. Pequeno de corpo, pura febra, cunhas mans grandes preparadas para facer ben calquer traballo. Dende traballar na terra, a armar cestos ou ir cazar lontras. Mans dispostas sobre todo para gatillar ben no acordeón. A partir dos 50 extendeuse por Galiza o acordéon piano, con teclas e de maior tamaño. Axiña as mellores orquestras tiveron un bon acordeonista campando no medio do escenario. Mestres como Diosiño, os Mallos, Delfín Barral, os Poceiros, convertíronse nos reis do campo da festa. O acordeón de botóns, humilde, pequeniño foi quedando esequecido, incapaz de competir en volume coas novas máquinas. Houbo que agardar case 40 anos. Agora á fin gozamos cos rinchos rabudos do seu rexurdimento.
A pesar da crise Pazos seguiu facendo o baile de Merexo. Só calou nos anos tristes da enfermidade da súa muller. Cando ela morreu gardou definitivamente a caixa da alegría no faiado. Hai 3 anos o seu fillo Pedro deulle unha orde inexcusable. Tiñan que ir xuntos á Madrid coa Manada Invencible, a gran manifestación dos gandeiros galegos contra as cotas do leite. A canda eles tiña que ir o acordeón. A Castellana foi o escenario do seu retorno á música. En todo o camiño de volta non parou de tocar, afortundamente. Pazos ten setenta catro anos cheos de sabiduría. O seu repertorio, máis que cancións, son anacos da historia de Bergantiños e da propia Costa da Morte. Un vez pedinlle que me tocase unha peza lentiña. Botou unha melodía fermosísma e cantaruxou, Heiche de dar para un manto heiche de dar para un velo pero non me pidas nunca a miña cama de ferro. Díxome: “¿Que che pareciu? Aprendilla a Monteagudo, o alcalde republicano de Carballo. Estivo agachado na miña casa. Eu era un neno. El e máis o meu pai sentaban acaron do lume e seguían cantando: A miña cama de ferro a miña pobre camiña que vén sembrada de amores vén de amores sembradiña.
Este home é un talento. Pequeno de corpo,
pura febra, cunhas mans grandes
preparadas para facer ben calquer traballo
POLO SAN XOSÉ, GRAN BAILE EN CASA CARMELA
Uxía Pedreira, cantante de Chouteira, foi descansar á praia do Lago e “descubriu” a este gran mestre, probablemente o último, de acordeón diatónico da costa da morte. Dende entón fomos moitos os que nos achegamos a Merexo a disfrutar da súa música e da súa hospitalidade. A pesar dos anos que botou sen tocar, os dedos fóronlle axiña aos botóns e agora Pazos “gatilla” como nos mellores tempos. O que non se deu recuperado foi o vello acordeón, botara moito tempo parado no faiado. María Xosé e Pedro, os seus fillos, animarono a mercar outro. Non houbo que ir a Bos Aires, pero case. Nin na Coruña nin en Santiago tiñan acordeóns diatónicos. Ao final souperon que os había en Valença do Minho e alá foron. Pazos trouxo un acordeón fermosísimo. A canda el tamén foi a Portugal a súa veciña Ofelia, unha señora de 60 anos, que sempre deveceu polo instrumento e á fin tivo oportunidade de compralo. Coa nova ferramenta Pazos triunfou no Luar da TVG. Tiven a honra de facer con el e os seus veciños un episodio do programa Repichoca para a TVE en Galiza. O ano pasado reclamárono para tocar en Buño e volveu a Merexo cun novo triunfo.
Está a crear escola. Dálle clases ao seu irmán Pedro e a Ofelia, esa nova alumna que xa pasa dos 60. Brais Maceiras “o lóstrego de Elviña”, un novo virtuoso do instrumento, integrante do grupo de Susana Seivane, xa se achegou á súa casa e mellorou a súa técnica cos consellos do mestre. Pero sobre todo Pazos segue a tocar para os seus veciños. Ben axiña, polo San Xosé han bailar todos en Casa Carmela, templo da alegría, tamén da gastronomía no centro de Merexo. Carnocho amigo, se queres saber das cousas bonitas non perdas a oportunidade de acudir a esta cita.

Ningún comentario:
Publicar un comentario